O Sétimo Selo, o filme ante o que os historiadores poden relaxarse e gozar?

The following two tabs change content below.

Carlos Lixó Gómez

Carreira - A Coruña, 1991. Soy graduado en Historia por la Universidade de Santiago de Compostela y deseo convertirme en un entusiasta profesor de secundaria algún día. Mientras tanto, sobrevivo como becario investigando sobre los castillos en la Galicia medieval y, cuando puedo, sobre toponimia. El tiempo libre lo invierto en mi compañía de danza, Aires de Dorna: ¡si no puedo bailar, no es mi revolución!

[Accede a la versión en castellano aquí.]

Dirixida por Ingmar Bergman en 1957, O Sétimo Selo é considerada unha das obras mestras da historia do cinema e por riba conta co mérito de recibir un aprobado xeral por parte do mundo da historiografía. Isto non é pouco dicir, se temos en conta a reticencia habitual dos espazos académicos a valorar un campo creativo que é quen de achegar a Historia ás masas moito máis do que eles e que, ademais, en moitas ocasións ignora os seus estudos en pro dunha maior riqueza narrativa ou estética. Parece que nesta ocasión o cara a cara coa morte dun cruzado retornado á súa Suecia natal, asolada pola peste e outra serie de fenómenos propios do catastrófico século XIV, si deu no corazonciño dos investigadores que viron, finalmente, un Medievo críbel plasmado no proxector. Mais por que é que non se pasou esta obra pola crítica demoledora á que, con razón, si se someteron outros filmes, tanto coevos como actuais? A resposta é, como case sempre, múltipla, mais achamos que cun denominador común claro: o director esforzouse porque a súa recreación estivese ben fundamentada.

O que fixo para conseguilo foi, como non, recorrer de primeira man ás fontes directas, beber da auga do manancial limpo. De facto, o argumento que dá forma á historia, unha partida de xadrez entre a morte personificada e o cabaleiro Antonius Block en que xoga o seu destino e o dos seus acompañantes, é tirado dun fresco do século XV. Trátase dunha pintura de Albertus Pictor (un vello coñecido desta páxina) situada na igrexa da cidade sueca de Täby, onde aparece precisamente a morte xogando ao xadrez, neste caso non cun cabaleiro, senón cun burgués. Para alén do alcance poético que poida ter o famoso xogo de mesa, a iconografía da morte con forma humana ou esquelética é un elemento moi frecuente na imaxinaría tardomedieval. Mais a pegada das representacións plásticas da época non se limitan á personaxe da morte. A composición das escenas,  pausadas e longas, transmite unha profunda sensación pictórica, como se se tratar dunha sucesión de murais; a emblemática escena dos flaxelantes ou a aparición final da danza da morte falan por si soas.

Á esquerda, partida de xadrez coa morte na igrexa de Täby, por Albertus Pictor [Fonte: Pinterest]. Á dereita unha escena d’O Sétimo Selo.

Este empeño asegura un resultado visual coherente, se non cunha imaxe realista da Baixa Idade Media si coa imaxe que este período nos transmitiu de si mesmo. Tanto é así que Ingmar Bergman garantiu que o seu interese nese campo se reflectise abertamente no propio guión. Cando Antonius Block e o seu escudeiro Jöns chegan a unha igrexa en que se están realizando unhas pinturas, desenvólvese un interesante diálogo no medio do cal Jöns acaba por lle preguntar ao pintor «para que pinta iso?», obtendo como resposta «para que todo o mundo saiba que un día vai morrer».

A literatura deixa tamén unha marca máis que evidente. Reparemos, é unha longametraxe de ambientación medieval, porén non tenta tratar uns acontecementos pasados concretos nin explicar a vida de determinadas figuras históricas, senón imaxinar un relato ficcional nunha atmosfera histórica verosímil. Isto permite que as personaxes poidan ser modeladas con maior facilidade e que gañen unha maior carga simbólica. Así encontrámonos con figuras arquetípicas (un cabaleiro nobre, un relixioso malvado, un escudeiro escéptico e vividor, unha muller frívola e desleal, unha familia pura…) que invocan sen moito esforzo as caricaturas sociais feitas polas danzas macabras tan na moda dos séculos XIV e XV.

Dize la muerte:

Don abad bendito, folgado, vicioso,

que poco curastes de vestir celicio,

abraçadme agora: seredes mi esposo.

Pues que desseastes plazeres e vicio,

yo só bien presta a vuestro servicio.

Avedme por vuestra, quitad de vos saña.

Ca mucho me plaze de vuestra compaña.

E vos, escudero, venit al ofício.

 

Dize el escudero:

Dueñas e donzellas, aved de mí duelo:

fázenme por fuerza dexar los amores;

echóme la muerte su sotil anzuelo,

e fazme danzar dança de dolores.

Non traben por cierto firmalles nin flores

los que en ella danzan, mas grand fealdad.

¡Ay de mí cuitado, que en grand vanidad

andove en el mundo sirviendo señores!

 

Fragmento da Dança General de la Muerte, anónimo, fins. XV.

 

Porén, hai algo que vai máis aló do uso das diversas fontes artísticas para compor a estética do filme. O propio marco filosófico en que se encadran os feitos, o concepto de realidade que se dá por válido na trama, semella aos nosos ollos cheo de contido lírico. No entanto, moitos dos elementos que aparecen serían perfectamente verosímiles para individuos que vivisen nesa etapa. A importancia dos textos bíblicos, por acaso, omnipresentes no acervo cultural e relixioso do Medievo, asúmense cunha interpretación literal. O Sétimo Selo ábrese e péchase con fragmentos da Apocalipse que acollen todo canto acontece nas dúas horas que dura. O propio título é unha referencia a ese libro. Á idea da morte como un xogo, coas personaxes sendo dalgunha maneira as pezas da partida, e, como vimos, á presenza corporal da propia morte, hai que lle sumar as visións idílicas da Virxe co neno ou a visión final da danza da morte. A crenza en presaxios (unha muller que pariu unha cabeza de pucho, un cabalo que comeu outro…) completa este panorama.

Na imaxe superior, unha das escenas finais. Na inferior unha ilustración que acompañaba La Danse Macabre, publicada por Guy Marchant en París en 1484 [Fonte: Wikimedia].

Das actitudes ante a peste que se ven reflectidas, para alén da propia redundancia da morte e a presenza da culpa (nunha ocasión explícase, en relación coa procesión de flaxelantes, que «as persoas consideran que a peste é un castigo de Deus, e os que se senten presos do pecado castigan os seus corpos»), exprésase unha dualidade, unha ambigüidade sen dúbida moi presente na sociedade do momento: o integrismo relixioso e a busca da expiación, por unha banda, e a esaxeración na relaxación dos costumes, a entrega aos praceres corporais ante a incerteza da propia supervivencia, pola outra. No medio, unha opción máis estándar, consistente en refuxiarse nun lugar considerado aínda non impuro e manterse á espera. Esta última encárnaa a caravana dos nosos protagonistas cando deciden orientarse cara á morada de Antonius Block, no interior, para fuxir da peste na costa. Parece que se está a representar unha pasaxe escrita por Boccaccio no Decamerón:

E tivo esta peste maior forza, porque se pasaba por contaxio dos enfermos dela ós sans, igual que fai o lume coas cousas secas ou graxentas cando se lle achegan moito. (…) E había algúns que pensaban que vivir moderadamente e gardarse de todo o superfluo axudaba moito a resistir tan mal accidente; e, reunindo o seu grupo, vivían separados de todos os demais, recolléndose ou pechándose en casas onde non houbese ningún enfermo e onde puidese vivir mellor, usando con enorme moderación delicadísimos alimentos e óptimos viños e fuxindo de todo exceso, sen permitirse falar con ninguén nin querer oír de fóra ningunha noticia sobre morte ou enfermos, e alí entretíñanse con música e con aqueles praceres de que podían dispor. Outros opinando o contrario, afirmaban que beber moito, e gozar, e andar cantando e solazándose, e satisfacer o apetito con todo o que se puidese, e rir, e burlarse do que sucedía era a medicina máis conveniente para tanto mal; e así como o dicían levábano á práctica segundo os seus medios, indo todo o día e toda a noite ora a esta taberna ora á outra, bebendo sen tino e sen medida (…). Moitos outros seguían unha vía intermedia entre estas dúas antes ditas: nin restrinxindo as viandas como os primeiros nin excedéndose no beber e noutras disolucións como os segundos.

Poderíase continuar a procurar pequenos detalles cos que, con certeza, o director se deleitou no evocador e drástico mundo da Idade Media tardía. Ora ben, significa todo isto que nos encontramos cunha obra ante a cal nos relaxarmos completamente, ante a cal dármoslle ao play fronte a un noso hipotético alumnado para dicirlles «adiante, gozade sen reparos do Medievo»? Lamentabelmente non. Ben lonxe diso, a longametraxe continúa precisando ollo crítico e, se callar xustamente polos coidados tomados desde a propia dirección, o exercicio de análise merece máis esforzo pola nosa parte. A reprodución perfecta do pasado é imposíbel.

Sen pretensións de exhaustividade, vexamos algúns puntos en que O Sétimo Selo non pode evitar ser fillo do seu momento. En primeiro lugar, é ironicamente vítima do propio entusiasmo depositado na recreación de toda unha era. Ao longo dos minutos vemos unha procesión de tópicos que se entrelazan o un atrás do outro: a peste, o mundo cabaleiresco, as procesións de flaxelantes, as Cruzadas, o xograrismo, a represión, a queima de bruxas… Iso, aínda que provoque unha exultante imaxe de medievalidade no espectador, implica unha serie de problemas. A percepción que se transmite é de absoluto movemento, guerra, anguria existencial, un único modelo de vida de emoción e drama constante. É cando menos digno de se ter en conta que se está a tentar falar dunha sociedade formada na súa maioría por poboación campesiña e rural.

A maiores, con tal mestura de asuntos, é máis posíbel caer en certos anacronismos: as Cruzadas, por exemplo, son un fenómeno que se desenvolveu entre finais do século XI e finais do XIII, polo que a súa aparición na sociedade do XIV e do XV está un bocado forzada. A queima da bruxa, pola súa vez, ora sendo posíbel no tramo final da Idade Media, é a imaxe dun fenómeno que tivo o seu máximo auxe na Modernidade. Ademais, non ten sentido que o fagan no medio do monte e non na praza pública. Talvez a represión de xudeus (aínda que non na Suecia), de herexes ou de sodomitas fose máis acorde co resto de elementos.

Finalmente, é inevitábel buscar as fendas polas que escorrega o período histórico en que tivo lugar a rodaxe e mesmo a historia vital do propio director. Estamos nos anos 50, polo que o apoxeo do existencialismo e da morte como tema protagonista após o Holocausto a as dúas grandes guerras, pode sen dúbidas ter influído da escolla temática. Nesta liña estaría vixente a busca de bodes expiatorios, durante o nazismo e na Guerra Fría, e inclusive a queima da bruxa nos pode falar, talvez, da cremación de xudeus. O século XX, condicionado mentalmente pola expansión do laicismo, está detrás da permanente procura de Deus e do temor ante a nada que interpreta o protagonista, e que nos fala lateralmente do propio director, marcado por unha infancia relixiosa e unha vida de constante cuestionamento.

O papel das mulleres tamén ten a ver máis co cinema das décadas de 50 e 60 que coa realidade feminina na Idade Media. Que se representan certos prexuízos medievais, a Eva traidora e fonte de pecado, a esposa fiel que espera coma Penélope, é correcto. No entanto, o facto de todas as personaxes femininas seren absolutamente planas dun punto de vista psicolóxico, case irrelevantes na trama argumental e fisicamente homoxéneas e encaixadas no prototipo de beleza contemporáneo, fálanos moito máis do machismo no cinema que chega até os nosos días que do papel das mulleres historicamente. De facto, canto máis avanzan os estudos históricos de xénero, máis se rompen os estereotipos femininos aplicados ao pasado.

Esta personaxe, que nin sequera ten nome propio, aparece ao longo de todo o filme porén só intervén unha vez, no final, para recibir con adoración a chegada da morte. E mesmo así talvez sexa o papel feminino construído con maior complexidade.

Sexa como for, está claro que c’O Sétimo Selo nos encontramos ante unha produción artística que nos serve como instrumento de poderosa evocación e estímulo para a reflexión sobre a Idade Media. Que nos mostra diversos compoñentes da mentalidade dunha época, da  súa literatura, da súa pintura, da súa relixiosidade, do seu aspecto, aos que estamos afeitos a acceder illadamente, lendo un documento ou ollando obxectos descontextualizados na vitrina dun museo. Os seus erros e acertos permítennos usala dobremente: para achegármonos a unha posíbel visión do Medievo, relativamente coidadosa, e para realizarmos un exercicio de crítica e de análise, non só sobre a súa vertente de recreación histórica, senón tamén sobre a súa elaboración como produto cultural do seu tempo.

Esta entrada forma parte do segundo aniversario de Studia Humanitatis. Aquí tendes a listaxe de todas as entradas do monográfico:

  1. Presentación: La Historia y las Artes, por Alberto Reche
  2. O Sétimo Selo, o filme ante o que os historiadores poden relaxarse e gozar?, por Carlos Lixó
  3. Tabernas y naipes: violencia cotidiana en la obra de Jan Steen, por Jessica Carmona Gutiérrez
  4. La Cena de Emaús. Francisco de Zurbarán, por Ester Prieto
  5. El románico: más que simple piedra, por Cristina Párbole

 

Bibliografía

Boccaccio, Giovanni (2006): Decamerón (Moisés Barcia, ed.), Cangas do Morrazo: Rinoceronte, pp. 33-34.

Morreale, Margherita (1991): «Dança General de la Muerte», Revista de Literatura Medieval, 3, p. 36.

Carlos Lixó Gómez

Carreira - A Coruña, 1991. Soy graduado en Historia por la Universidade de Santiago de Compostela y deseo convertirme en un entusiasta profesor de secundaria algún día. Mientras tanto, sobrevivo como becario investigando sobre los castillos en la Galicia medieval y, cuando puedo, sobre toponimia. El tiempo libre lo invierto en mi compañía de danza, Aires de Dorna: ¡si no puedo bailar, no es mi revolución!
Posted in Cine, Historia Medieval.

One Response

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *